María Victoria Moreno: Letras Galegas 2018

MARÍA VICTORIA MORENO (1939 – 2005). LETRAS GALEGAS 2018

Escritora, profesora de literatura, tradutora, investigadora, editora, libreira e conferenciante. Nada en Cáceres en 1939, adicou a súa carreira á ensinanza e á defensa da literatura infantil e xuvenil. Durante a súa vida contribuíu, xunto con outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura galega nun lugar digno e a poñer en valor o uso da lingua galega. Aínda que naceu en Extremadura, a súa identificación con Galicia foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e converteuno na súa lingua. As súas obras, entre as que destacan Anagnórise e Mar adiante, sitúana como unha das máis prestixiosas escritoras galegas e, por iso, este ano, no Día das Letras Galegas, réndeselle homenaxe.

No Conco en Dumbría , podedes ver a exposición da homenaxeada, na que se detalla toda a súa biografía, traxectoria e publicacións e nas Bibliotecas do Concello unha selección das súas obras.

FOTOS:




BIOGRAFÍA

1939 – Nace o día 1 de maio en Valencia de Alcántara, provincia de Cáceres, mais na súa mocidade dixo que nacera en 1941 para comezar o bacharelato coas rapazas menores ca ela xa que non tivo ocasión de se matricular antes. 

1949 – Morre o seu pai Vicente Moreno de tuberculose, causando un importante impacto na familia, tanto no terreo económico como no emocional. 

1951 – Interna nun colexio en Barcelona, grazas a unha bolsa, aprendeu francés e catalán, lingua que emprega máis adiante na súa faceta como tradutora. O longo da súa traxectoria acada diferentes recoñecementos literarios escribindo en tres linguas: francés, castelán e galego. Nesta época descobre tamén a literatura, lendo por primeira vez as obras que se habían de converter nas súas favoritas: O Quixote e O Principiño. 

1958 – Múdase a Madrid a estudar Filoloxía Románica na facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central (hoxe a Complutense). 

1963 – Casa con José Luis Llácer, compañeiro de carreira de cursos superiores, co que comparte a paixón polo ensino e o interese pola Filoloxía. Neste mesmo ano, múdase a Galicia ó conseguir unha praza de profesora interina en Pontevedra, onde descubre a súa vocación pola docencia. 

1965 – Gaña a oposición de profesora no Instituto Masculino de Lugo e establécese definitivamente en Galicia. 

1967 – Torna a Pontevedra onde imparte literatura castelá no Instituto Feminino (hoxe o Valle Inclán). Dedicaba parte das súas clases a ensinar literatura galega, aínda que na ditadura franquista estaba prohibido. 

1972 – Participa de forma voluntaria e non remunerada na impartición de cursos de lingua galega, organizados pola asociación Amigos da Cultura de Pontevedra. Como represalia pola docencia de estes cursos, en 1974 foille retirado o seu pasaporte. 

1973 – Publica a súa primeira obra “Mar adiante”, en Edicións do Castro e con ilustracións propias. A publicación ten un grande impacto na prensa, converténdoa nunha das autoras pioneiras da literatura infantil galega. O libro constitúe un manifesto a favor dunha escola diferente, en contacto coa natureza e a favor dunha relación de respecto e agarimo co alumnado.

Tamén edita a antoloxía bilingüe “Os novísimos da poesía galega”, onde recolle textos de dez poetas galegos nados despois de 1943, facendo ela a selección e maila tradución o castelán. Neste mesmo ano, con outros oito socios, cofunda a librería Xuntanza en Pontevedra, que pecharía poucos anos despois, e na que podían atoparse, entre outros, obras de Castelao ou Miguel Hernández editadas fóra de España, xa que naqueles momentos estaban prohibidas pola censura. No ámbito persoal, este ano é moi significativo por comezaren, o seu marido mais ela, os trámites de adopción dos seus dous fillos, proceso que rematarían no ano 1975. 

1979 – Consegue a praza de catedrática, no instituto de Ribadavia, pero solicita a excedencia ata 1986 para seguir en Pontevedra, accedendo así como catedrática ó instituto de Vilalonga, en Sanxenxo. Publica “O cataventos”, obra que acadou o Premio O Facho. 

1986 – Publica “Leonardo e os fontaneiros”, obra que mostra a súa intensa relación cos animais. Outros textos seus protagonizados por animais son “E haberá tirón de orellas?” ou “Eu conto, ti cantas…”, último publicado en vida, no ano 2005. Ademais das historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de literatura galega. 

1988 – A editorial Galaxia crea a colección Árbore de literatura infantil, que será dirixida durante dez anos por María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero. Tiña o obxectivo de dispoñer de literatura en galego para todas as idades, dar visibilidade á escrita en Galicia, así como publicar traducións ao galego de libros de calidade. Neste mesmo ano publica“Anagnórise”, considerada a súa mellor obra. María Victoria xa era recoñecida como unha das autoras de máis calidade da literatura infantil e xuvenil, mais esta obra consolida a súa consideración como parte do canon. 

1990 – Consegue o traslado ao Mixto nº 5 de Pontevedra (hoxe IES Gonzalo Torrente Ballester), no que remataría a súa carreira docente no ano 2002, doando a súa biblioteca persoal, incluídas varias edicións e uns 150 estudos do Quixote. 1996 – Morre o seu marido, José Luis Llácer e, uns meses despois, diagnostícanlle a ela cancro de mama.

1999 – Publica a novela xuvenil “Guedellas de seda e liño” que, como“Anagnórise”, explora os conflitos de identidade na adolescencia.

 2003 – Casa con Pedro Ferriol, capitán cubano da mariña mercante e compañeiro nos seus últimos anos de vida. 2004 – Publica o ensaio “Diario da luz e a sombra”, onde reflexiona, con humor e ironía, sobre a súa experiencia co cancro.

 2005 – Morre aos 66 anos de idade, vítima do cancro. 

2006 – Publícase postumamente “Elexías de luz”, que reúne cinco cadernos de poemas. 

2009 – Publícase a súa primeira obra “Onde o aire non era brisa”, escrita en castelán en 
1969 e traducida ó galego por Xavier Senín, seguindo a vontade da autora.

LIBROS DE MARÍA VICTORIA MORENO NAS BIBLIOTECAS DO CONCELLO DE DUMBRÍA: ( Preme na o enlace para ver os libros en cada biblioteca)

1. Libros na Axencia de Lectura de Dumbría












Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: