LAURA SUÁREZ

Laura Suárez Fernández

ABRIL, MES DOS LIBROS. 2020

Ao longo deste mes de abril, queremos achegarvos a obra de autoras de aquí, de mulleres vencelladas dun ou doutro xeito ao noso concello.

DATOS BIOGRÁFICOS

Laura Suárez naceu en 1994 e vive en Cee; aínda que naceu en Dumbría, coma toda a súa familia, que son naturais das parroquias dumbriesas de Dumbría, Berdeogas, Olveira e Olveiroa.

É unha autora e ilustradora galega que medrou entre os cómics e os libros ilustrados que lle regalaban seus pais, sendo ese o cemento sobre o cal se construíu a súa paixón pola literatura e o debuxo.

O seu traballo realízase na súa maioría con técnicas mixtas, mesturando ferramentas dixitais con tradicionais, coma gouache ou lapis de cores.

Está especializada en ilustración infantil e cómic.

Publicou os seus traballos con editoriais como XeraisBaula do Grupo  EdelvivesDibbuks ou B de Blok, de  Penguin  Random House, tamén participa ilustrando en revistas como Cocoter e Time Out… entre outros.

Podes ver máis do seu traballo en:

https://www.laurasuarez.org/

https://www.instagram.com/auralez/

O LIBRO

Laura asinando un exemplar de Los Cuentos de la Niebla

Título: Los cuentos de la Niebla

Autora: Laura Suárez

Editorial: ibbuks

Prezo de venda: 18€

ISBN: 978-84-17294-46-5


SINOPSE: 

Unha aldea no norte de España nos anos 30, cando a luz non chegara ás estradas. Unhas lendas  atemporais que enfrontan o  paranormal e o realismo  preguerra. Unha maneira de darlle sentido á escuridade, á morte e á néboa dunha terra esixente. Os contos da néboa son estes que che contaron de pequeno, unha e outra vez, as tardes de choiva e as noites de inverno. Contáronchos a túa avoa, a túa nai ou un veciño, para que te portases ben. Non sabes se crelos, pero cóntanos no teu pobo, no pobo veciño e en toda a rexión... Entón serán verdade, non?

As historias son herdanzas culturais, recibidas a través de familiares da autora, que quixo plasmar cun trazo  torturado e unhas páxinas en branco e negro de atmosfera inquietante.

Laura colleume da man, sentoume aí e contoume cousas sobre a Santa Compaña, sobre o  Vidoiro, sobre campos fríos e xente vestida de negro. (…) son fermosas historias de terror. Non  podo pedir máis.” – Prólogo de Torres

https://www.dibbuks.es/es/catalogo/los-cuentos-de-la-niebla

ENTREVISTA

1. Como xorde a idea de escribir, “Los cuentos de la niebla”?

Todo comezou coa intención de realizar un proxecto persoal, algo que vivira eu de primeira man e sobre todo, que puidera expresalo graficamente.

Un día, cando vivía en Barcelona e estaba paseando co meu pai, comenteille que estaba buscando unha idea para un cómic. Pero o problema era, que cada vez que me enfocaba nun tema e quería poñerme a traballar, non saía nada. Comprendín que non sería todo real e sincero que quería que fose. Quería contar algo que fora meu, que me representara. E así xurdiu o recordo da miña avoa Lola contando historias da súa infancia, a vida daquel entón, os rituais de San Xoán…etc


2. De que trata a obra?

É unha recompilación de catro relatos: o Demo, a Roldiña, o Vidoiro e o Aire.

Todas están recollidas por un micro-relato que fala da relación coa miña avoa. Pero profundando, son historias que unen á Galicia profunda e rural da posguerra coas lendas máis antigas, todas baseadas en feitos reais, algunhas máis que outras.

A idea principal é pasar ao escrito esas historias que nos contan os nosos maiores, pero que pouco a pouco, por vergoña ou paso dos anos, quedan no olvido. Foi unha maneira de contar a historia da miña avoa.

Laura e a súa avoa Lola Moledo, nada en Olveiroa – Dumbría


3. Dende cando escribes? Tes outras publicacións?

Escribindo e pintando levo toda a vida. Xa cando era pequena encantábame escribir as miñas propias historias, para min, debuxalas e preparar os meus propios libros ilustrados e grapalos ou “encolalos” con celo na miña casa. Nunca deixei de intentar ser creativa.

Los cuentos de la niebla” foi a miña primeira obra publicada, pero a súa vez, cun par de semanas de diferencia, saquei un álbum ilustrado coa editorial Baula, do grupo Edelvives, tamén escrito e ilustrado por min, que se titula Una bona amiga (está en catalán).

Esas dúas publicacións foron as primeiras, tamén as que están agora no mercado como autora e ilustradora. A finais do verán do ano pasado, colaborei coa editorial Xerais na colección Merliño, ilustrando un conto da incrible Ledicia Costas, “Conexión macarrón”.

4. Que significa para ti poder escribir e chegar a tantas persoas coa lectura e as letras?

Só con pensar que alguén pode ler o meu traballo xa sinto unha felicidade inmensa, o feito de que chegue e transmita sensacións, sentimentos, ou simplemente faga reflexionar, toca moito. Fai que sexas consciente da importancia da lectura.

Os libros son poderosos, e aprendemos con eles moitísimo máis do que cremos.

5. A quen admiras como escritor ou escritora?

En verdade, admiro a moitos escritores. Teño gustos moi variados, xa que, por exemplo, dous dos meus escritores favoritos son Edgar Allan Poe e Roald Dahl.

Despois tamén me encanta a poesía, coma a de Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro.

6. Que consellos lle darías aos nosos veciños e veciñas de Dumbría para que leran máis?

Poñerse en obxectivo un tema que lles agrade, ao principio pode dar pereza pero despois xa lle collerán o gusto. É simplemente deixar de relacionar a lectura coma algo obrigatorio e relacionalo co ocio e a diversión; que comecen cun tema que lles guste e o libro acabarase en nada e, despois diso, xa verá o seguinte.

7. Tes algún libro máis pendente de publicar?

Xusto agora sairá, antes do verán, unha colaboración que realicei con B de Blok, do grupo Penguin Random House. O libro é unha recompilación de contos tradicionais españois, está escrito por Magela Ronda e eu realicei as ilustracións. Teño moitas ganas de velo impreso xa que foi un proxecto moi divertido e bonito de facer.

Despois do verán, sairá a colaboración que fixen con Moppet Books de California, un álbum ilustrado no que tamén ilustrei o texto dun autor. Gústame moito tamén traballar desta forma, o intercambio de conceptos e ideas enriquece moito.

8. Que libro ou libros estás lendo neste momento?

Agora mesmo estou comezando a ler un libro en inglés que analiza todo o traballo cinematográfico do director Wes Anderson, pero vou pouco a pouco.

Antes estiven lendo “Viva La Dolce Vita” de Maximo Huerta, ilustrado por María Herreros e en cómic, “Amphigorey too”. Este último é unha colección de viñetas dun dos meus debuxantes favoritos, Edward Gorey.

9. Gústache ler en dixital ou prefires en papel?

Papel. Encántame a textura, o movemento das páxinas, como ule… Os libros son como pequenos obxectos de artistas, hai edicións preciosas que son merecedoras de estar en museos.

10. Que autor ou autora da Costa da Morte che gustaría recomendar?

Recomendaría a un clásico que ademais, foi profesora miña, Concha Blanco. Admiro moito a esta autora, dende moi pequena lin os seus libros, xa sexa eu soa, coa miña nai ou coa miña irmá. Creo que foi unha das miñas maiores influencias na miña infancia. Véndoa deime conta que era posíbel ser autora, só había que traballar moi duro. É algo que sempre lle vou agradecer.

Outras entrevistas neste blog a autores e autoras vencellados a Dumbría, ben polo seu nacemento, os seus lazos familiares ou a temática e inspiración da súa obra:

https://dumbriaecultura.wordpress.com/2018/08/20/modesto-garcia-quintans/

https://dumbriaecultura.wordpress.com/2018/08/13/pepe-do-fieiro/

https://dumbriaecultura.wordpress.com/noelia-castro/

https://dumbriaecultura.wordpress.com/2017/12/26/entrevista-a-isabel-garzo-autora-de-los-seres-infrecuentes/

https://dumbriaecultura.wordpress.com/2018/08/20/xaime-trillo/

#DumbríaéCultura #AbrilMesDoLibro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: