Webcam Fervenza do Ézaro en STREAMING!
Existe un lugar onde o río se funde co Océano Atlántico, un lugar de lendas, un lugar máxico onde o río se convirte en fervenza para abrazar así a auga salgada do mar.
O río Xallas ou Ézaro determina o carácter do Concello de Dumbría. Atravésao de norte a sur ata desembocar na súa máxima expresión en forma de fervenza directamente sobre o océano; a denominada Fervenza do Ézaro, conformando o único exemplo de desembocadura fluvial deste tipo en Europa.
Antes de converterse en fervenza, o río é retido por catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía. Destacan as pías ou caldeiras que se atopan entre o último encoro e a propia fervenza, que son cavidades naturais construídas ao longo dos séculos polo río. No último tramo do río ten un desnivel de 155 metros e a altura da fervenza é de 40 metros.
Ata mediados do s.XIX, o río Xallas e a súa fervenza coñecíanse como Río Ézaro ou Lézaro. Así se constata nas fontes cartográficas da época. De feito, a primeira referencia cartográfica coa denominación Ézaro aparece na Descrición do Reyno de Galizia (ano 1598).
Dende abril de 2011 a Fervenza do Ézaro está constantemente con agua; as 24 horas do día durante os 365 días do ano.
Un espectáculo que paga a pena ver, unha combinación máxica de auga, natureza, luces de cores e música. A comezos de cada ano, o Concello de Dumbría publica o calendario de iluminación da Fervenza na web municipal, nas redes socias e nos medios de comunicación. Confírmase que durante a Semana Santa de 2023 a Fervenza do Ézaro non vai ter iluminación nocturna.
Así mesmo, dende a web http://www.dumbria.com podes acceder á webcam da Fervenza do Ézaro para poder vela en directo sen moverte da casa!
CONSELLOS:
- Evitar empregar un navegador ou GPS (nesta zona non axuda, soe recomendar a peor estrada).
- Se ves da zona de Santiago – Rías Baixas – Ourense. 2 opcións:
- Estrada de costa: autovía ata Noia, continuar á dereita pola estrada de costa AC-550 dirección Cee, despois de pasar polo pobo do Pindo, xusto despois da ponte hai un cruce á dereita que indica Fervenza do Ézaro.
- Estrada de interior e costa: estrada AC-441 dirección Negreira – Muxía, en Boudañeira xirar á esquerda dirección Berdeogas, chegados ao cruce coa estrada AC-552 dirección Fisterra – A Coruña xirar á esquerda dirección Fisterra, ao chegar a Cee xirar á esquerda dirección Muros, cara o final do pobo do Ézaro, xusto antes da ponte hai un desvío á esquerda que indica Fervenza do Ézaro.
- Se ves da zona da Coruña – Lugo:
- Autopista AG-55 dirección Arteixo – Carballo, continuar pola autovía dirección Fisterra, continuar pola AC-552 dirección Fisterra, chegados a Cee, xirar á esquerda dirección Muros, cara o final do pobo do Ézaro, xusto antes da ponte hai un desvío á esquerda que indica Fervenza do Ézaro.
- Unha vez chegados á zona do porto deportivo do Ézaro, aparcar na zona adoquinada que vai paralelamente ao longo da estrada, é aparcadoiro. Non na explanada, posto que é zona amarela. Continuar un leve paseo a pé a carón do río, enlazando coa pasarela de madeira ata os pés da Fervenza do Ézaro onde poderás incluso tocar a súa auga.

+INFO:
Mail: turismodumbria@gmail.com
Teléfono: 662 346 927
Facebook: facebook.com/ConcelloDeDumbria
Twitter: @ConcelloDumbria
#DumbríaéNatureza #DumbríaéTurismo #DumbríaéÚnica
Deixar unha resposta