Unha nova entrega do Explora Dumbría! Hoxe, gravado e non en directo, xa que a cobertura non nolo permitía.
A pequena central da Eléctrica Cereijo construíuse na beira dereita do río Brens, tamén chamado Río Buxantes, a comezos do 1.900; vinteséis anos máis tarde deixa de producir electricidade debido á súa baixa rendibilidade e ás dificultades de ampliación.
O industrial Ceense Juan Cereijo herdou en 1884 unha importante herdanza a cal lle serviu para levar a cabo na comarca diversos investimentos, entre os que destaca a pequena central termoeléctrica no río do Carboal ou de Buxantes, tamén chamado río de Brens. Juan Cereijo, ademais de ser o dono da sociedade “Electra Cereijo” tamén era alcalde de Cee, alá polo 1905.
A electricidade de Electra Cereijo serviu para que a vila de Cee desterrase os candís de aceite e os farois de petróleo, carburo e gas en 1905. Un ano máis tarde, en 1906, a electricidade chegaría a Corcubión e, pouco despois, a Fisterra.
Para o aproveitamento hidroeléctrico construíuse unha presa no río, derivándose as augas pola marxe dereita por un canal duns 350m de lonxitude ata a cámara de carga. Dende ela, salvando un desnivel duns 35m, baixaba a tubaria metálica de algo máis de 170m de lonxitude ata a casa de máquinas, edificada unhas decenas de metros augas arriba do coñecido como Muíño de Pou.
Para paliar a irregularidade do curso fluvial e a forte variabilidade estacional, o equipamento hidráulico da Electra Cereijo complementábase cunha caldeira e unha máquina de vapor que accionaba o alternador cando a potencia da máquina hidráulica resultaba insuficiente para as necesidades do servizo.
Aínda que a concesión a favor da Electra Cereijo foi fixada en 20 anos, as frecuentes interrupcións do servizo farían que o Concello de Corcubión convocase un novo concurso para a subministración eléctrica nos comezos do 1926. Consecuencia disto, Juan Cereijo retiraría todas as lámpadas da vía pública da vila, argumentando que o concello lle debía 2 anualidades de subministración. O novo contrato seríalle adxudicado a Electra del Jallas.
En 1905 contaba cunha turbina hidráulica de reacción, tipo Francis de cámara aberta, que arrastraría o alternador. Posteriormente o aproveitamento contaría co complemento dunha caldeira alimentada con carbón que faría funcionar a máquina de vapor que arrastraba tamén o alternador eléctrico.
Ollo! É un lugar de moi complicado acceso. Non debe ir unha persoa soa. Débese acceder acompañado de alguén que coñeza a zona!
#Dumbría #DumbríaéTurismo #ExploraDumbría #Carboal
Deixar unha resposta