Petróglifos

O petróglifo de Pedra Ancha presenta motivos de armas (alabardas, puñais…) e moi posiblemente imaxes de carros de labranza ou para a guerra, ainda que algúns arqueólogos ollan escudos ou máscaras, sendo esta unha das estacións representativas das rochas-panoplia da nosa comunidade autónoma. O conxunto de Pedra Ancha está na beira do Camiño Real que dende Santiago dirixíase a Fisterra a uns 350 metros da fábrica de Ferroatlántica en Dumbría. Existen outras representacións de armas na provincia, como as localizadas nos últimos anos en Carnota, Porto do Son ou Teo, pero coa excepción do conxunto de O Castriño de Conxo (Santiago) as chamadas rochas-panoplia, aquelas que parecen facer unha exhibición dun catálogo de armas diversas, apenas aparecen fóra da provincia de Pontevedra.

Son gravados sobre unha rocha de grandes dimensións con representacións de 2 puñais ou espadas curtas, 3 alabardas e 3 “escutiformes” así como varias cruces de épocas posteriores. O seu principal interese radica na súa localización; posto que é a máis occidental de Galicia ata o momento coñecido. Estes gravados rupestres foron estudados polos arqueólogos Fernando Javier Costas Goberna e os seus colaboradores Pablo Novoa Álvarez e José María Albo Morán, publicando os seus resultados en setembro de 1992.

http://colectivoarula.wordpress.com

Como todos os gravados rupestres, para poder apreciar ben os petróglifos a luz solar inflúe moito. Dependendo da hora do día, aprécianse en maior ou menor medida.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo #DumbríaéCultura #DumbríaéCamiño

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑