Castros

Do século VI a.c. ao V d.c. aparece unha cultura coñecida como “castrexa“, froito da fusión das civilizacións autóctonas con outras procedentes do continente europeo. Comeza o cultivo de plantas, principalmente dos cereais, e a domesticación de animais salvaxes.

Os asentamentos urbanos formábanos grupos de familias xerarquizados situados en lugares protexidos e fortificados como os cumios das montañas ou as beiras dos ríos. É así como xorden os castros.

A poboación castrexa de Dumbría semella ser froito da emigración de tribus procedentes das montañas do Cáucaso que, arredor dos séculos VI-V a.c., penetraron na Península Ibérica e remataron o seu periplo no “finisterre“.

O historiador Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia do ano 1865, pon en Dumbría o lexendario combate que mantiveron os xefes militares da zona: os Céltigos e os Noerios. Sobre esta loita, Eduardo Pondal fixo un poema.

No termo municipal do Concello de Dumbría abundan os castros, aínda que non se aprecian como os típicos castros restaurados, rehabilitados e visitables.

Destaca principalmente o Castro de Berdeogas, situado a uns 200m da igrexa parroquial. Outros castros reseñables son: o Castro do Logoso (a 400m do Logoso), o Castro do Fragoso (a 1,2km da factoría de Ferroatlática en Dumbría), o Castro de Regoelle (a 200m de Regoelle), o Castro de Olveiroa (a 600m da igrexa parroquial de Olveiroa, os veciños coñéceno como O Castelo), o Castro das Teixoeiras (a 1,4km das Teixoeiras), o Castro de Dumbría (a 50m de Dumbría) e o Castro de Buxantes (en Buxantes).

Existen numerosos topónimos dentro do Concello de Dumbría que fan referencia a poboados castrexos, aínda que non se contemplan vestixios reais no terreo pola falla de estudos arqueolóxicos; como por exemplo: O Castelo, A Croa, a Eira dos Mouros, O Castrillón, O Casteliño, a Casa dos Mouros, O Castro,…

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑