Pombais

Un pombal é unha construcción popular para a cría de pinchóns e pombas. O pombal aparece no patrimonio etnográfico galego en menor medida que o hórreo debido ao escaso rendemento que se lle sacaba. A carne de pichón non era moi valorada fronte á doutras aves de corral. Ademais, a pomba era considerada máis un animal a admirar que como alimento.

O esterco que xeraba o pombal era escaso e un número excesivo de pombas podía ser contraproducente para a sembra do campo. Por este motivo, facer grandes pombais de pedra con tellado considerábase máis un símbolo de estatus social e reservábase para as grandes leiras de clases sociais altas e para o pazo galego. Xa o di o refrán “Palomar, capilla y ciprés, pazo es”.

No Concello de Dumbría destacaca o pombal situado no lugar de Berdeogas, a carón da igrexa parroquial, do castro e da carballeira Devesa da Lúa.

É unha fermosa mostra de pombal feita con pezas de cachotería encintadas que fano destacar de maneira especial. Un tellado a unha auga, con tella do país para a cuberta. Ten forma de ferradura o que lle imprime un aspecto distinto, a súa pranta é circular e o corpo cilíndrico.

Unha única porta serve de acceso ao mesmo e, para a entrada das pombas, situáronse preto da cima uns buratiños cadrados. Un beirado sobresae arredor do perímetro, servindo de lugar de pousadoiro das pombas.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑