Braulio Pérez Astray

Decembro de 2023

Son natural e veciño de Baio e actualmente residente na Coruña. Fillo de Manuel Pérez Maroño e Mª Teresa Astray Romero, médico e farmacéutica, respectivamente, de Baio.  Estou casado e teño dous fillos, Braulio e Marcos.

A miña infancia transcorreu na vila, etapa da que teño un recordo moi feliz, con moitísimos amigos e moitas aventuras propias de idade. Estudiei a EXB no colexio dos Salesianos na Coruña, e o chamado BUP no colexio Peleteiro, en Santiago. No Instituto Arzebispo Xelmirez, cursei o por entón chamado COU, tamén en Compostela.

O meu paso pola Universidade resúmese cunha licenciatura en Xeografía e Historia pola USC, e o título de doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola UDC, onde acadei ademais o premio extraordinario de doutoramento. Posúo tamén o Diploma de Estudios Avanzados en Economía Aplicada, froito do curso sobre “Integración Europea Políticas Públicas”, dirixido polo catedrático Fernando González Laxe, tamén director da miña Tese. Por último, no plano académico, teño un Máster en Dirección de Recursos Humanos realizado no Centro de Estudios Financieros de Madrid.

Durante todos eses anos de xuventude, complementei estudos e deporte, xa que fun xogador do C.D. Baio desde os 15 ata os 30 anos, levando o brazalete de capitán nos últimos cinco. No mundo do fútbol  fixen innumerables amigos, tanto de Baio como de outras moitas vilas da Costa da Morte, e que por fortuna sigo mantendo. Colguei as botas con 30 anos, xusto cando tiven que marchar a traballar, primeiro en Salamanca e despois en Madrid.         

Os meus inicios profesionais sitúanse a finais dos anos oitenta, con traballos puntuais como becario no IDEGA (Instituto de Estudios Económicos de Galicia), que fun combinando con outras actividades, como por exemplo guía nunha famosa exposición chamada Galicia no Tempo, que tiña como sede permanente o mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela.

Polo meu interese nos temas de innovación, que me viña polos estudos e traballos feitos na Facultade sobre a Revolución Industrial, contactei co Grupo EPOC (Evaluación de Políticas Científicas), da Universidade de Salamanca, ao que me incorporei en 1991.

Ao ano seguinte, fun contratado como director do SUMIT (Servicio de las Universidades de Madrid para la Información Tecnológica). Na capital de España estiven ata 1996, momento en que regresei a Galicia para traballar como director do Gallaecia Innovation Relay Center, dependente da FEUGA, en Santiago.

En 1998 pasei á dirección técnica da Fundación Universidade da Coruña, onde sigo na actualidade como Director Adxunto, sendo ademais funcionario da Escala Técnica Superior da Universidade da Coruña, con praza como técnico en I+D e transferencia de tecnoloxía.  

A miña actividade profesional vén estando moi marcada pola participación en numerosos proxectos internacionais, tanto europeos como con outros espazos xeográficos, principalmente da América Latina e o Caribe, centrados na temática das relacións Universidade-Empresa e as estratexias de innovación e política científica e tecnolóxica postas en marcha polas distintas administracións públicas.

Braulio Pérez acaba de sacar á luz o libro Médicos e medicina rural na Costa da Morte: A figura do doutor Manuel Pérez Maroño, editado por Hércules de Ediciones.

O martes 19 de decembro preséntase na Biblioteca do Conco (Dumbría).

Manuel Pérez Maroño foi un deses médicos rurais durante un longo período de máis de coarenta anos, que abarca desde mediada a década dos cincuenta ata 1995, en que se produciu a súa xubilación. No desempeño da profesión é recoñecido coma «un dos médicos rurais máis activos da Costa da Morte durante a segunda metade do pasado século», cun importante «labor de liderado da clase sanitaria da zona» (La Voz Carballo, 2005). Pero sobre todo segue sendo recordado coma un home de ben, próximo e humilde, de fácil trato, accesible a calquera independentemente da súa orixe ou condición, con innumerables e apreciados amigos alá por onde foi. Dotado dunha gran intelixencia, fina ironía e simpatía a esgalla, fixo desfrutar coas súas historias a todos aqueles que as compartían con él. Este libro recolle, a grandes trazos, parte da súa vida e das súas andanzas polos lugares, aldeas y vilas da vella e incomparable Costa da Morte.

O libro é unha homenaxe a meu pai, e xunto a el, a todos os médicos rurais da Costa da Morte, que durante moitos anos, superando tantas e tantas dificultades, foron capaces de atender aos seus pacientes cun trato e unha humanidade insuperable, a pesar das pésimas condicións nas que tiñas que desenvolver o seu traballo.

A idea xa viña de anos atrás, desde o pasamento de meu pai no 2005, tras numerosas conversas con moitas persoas que o coñeceron e foron seus pacientes ou amigos, que me contaban algunhas das súas andanza e anécdotas. Fun dándolle forma no último ano e medio, despois de revisar varias fontes de información e comprobar que tiña a suficiente documentación como para abordar o traballo. Ademais, tendo en conta que  non hai moitas publicacións sobre a figura dos médicos do rural, máis ben o contrario, considerei  necesario tirar cara adiante co libro. Modestamente  espero que  sirva para poñer en valor a estes profesionais da sanidade, heroes silenciosos, como foron chamados. 

A resposta foi moi boa. Moitas persoas lembran aínda a meu pai, e todas teñen algo que contar, sobre todo os máis maiores que foron seus pacientes e acudían a súa consulta na casa de Capelo, ou ben aos que visitaba a domicilio, que foron moitos.

Fixen varias viaxes polas aldeas e lugares do concello, e puiden escoitar de primeira man historias moi emotivas e que me serviron para coñecer cousas sobre el que non sabía. Serviume tamén para recordar aqueles tempos de neno en que o acompañaba, e o esperaba xogando á pelota no adro da igrexa, fronte ao consultorio.

Tamén quero destacar o gran traballo feito polo meu amigo Modesto García Quintáns, bo coñecedor de toda a contorna e os seus paisanos, que me prestou a súa desinteresada colaboración para saber máis historias, algunhas delas quedan reflectidas no libro.

Non podo esquecer o gran interese que mostrou desde o primeiro momento o ex alcalde, José Manuel Pequeño, que lembraba a meu pai xa desde pequeno, cando pasaba consulta no Ézaro, na casa de Bruno, onde a praia, xusto enfronte á súa.

Aproveito a posibilidade que me dades para agradecer tanta colaboración, e por suposto ao Concello de Dumbría pola súa inestimable axuda para que este libro poida publicarse e ver a luz. Agardo que sexa do agrado de toda esta xente.  

As miñas publicacións están sobre todo vinculadas coa miña actividade profesional, no eido da colaboración entre universidades e empresas e as actividades de I+D e innovación. Son autor dun libro titulado: ¿Es posible la transferencia del talento científico al mercado?, así como de varios capítulos en distintos libros escritos en colaboración de outros autores, e tamén artigos en revistas científicas especializadas en economía do cambio técnico. No ámbito da xeografía e da historia, teño escrito varios artigos en xornais galegos sobre a posta en valor do patrimonio histórico da Costa da Morte, entre outros asuntos.  

Pois para min supón unha oportunidade para contar cousas que me interesan desde o punto de vista persoal e profesional, poder expor as miñas inquedanzas e os meus pensamentos e argumentos, e como historiador de formación, analizar as causas e as consecuencias dos feitos e os procesos nos que nos vemos envoltos  ao longo das nosas vidas.  

Con motivo do libro sobre meu pai, estou relendo algunhas publicacións que gardo desde a miña época de estudante da Facultade de Xeografía e Historia, máis en concreto un libro titulado “Historia y Verdad”, de Adam Schaff, un interesante ensaio sobre a obxectividade do coñecemento histórico.    

Prefiro o papel, gústame tocar os libros e o seu cheiro. Sen deixar de recoñecer a necesidade das novas tecnoloxías da información, sería interesante convencer aos máis novos da importancia do formato en papel dos libros, e sobre todo da súa lectura. 

Da Costa da morte teño varios autores preferidos, desde o meu veciño e amigo Xosé María Lema Suárez, e o seu sobriño Chema Rei, ata Luis Lamela, pasando polo poeta Manuel Oliveira –Manolín-, que foi hai anos meu adestrador no C.D. Baio.

Divírtome moito coa lectura das obras do gran autor baiés Labarta Pose, de quen agardamos pronto sexa recoñecido no día das letras galegas.

Seguindo con Baio, son de destacar as publicacións de meu tío avó Francisco Romero Lema, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, sobre a orixe galega de Colón, ou o vocabulario da terra de Soneira. 

Tamén son moi interesantes as publicacións de Modesto García Quintáns sobre a bisbarra de Dumbría, Mazaricos, etc.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑