Punto de Atención ao Peregrino

Dende a catedral de Compostela, qué paradoxa, o peregrino non retorna á casa, senón que prosegue  a súa marcha cara o Atlántico coa intención de completar a súa viaxe e atopar as últimas respostas.

Información ao Peregrino

O Camiño de Santiago entra en terras dumbriesas procedente de Negreira, en concreto faino cruzando a magnífica ponte de A Ponte Olveira (s. XVII-XVIII) escenario de batallas Napoleónicas.

No seu máxico e místico traxecto, o Camiño de Santiago cara Fisterra-Muxía atravesa o corazón das impresionantes terras de Dumbría, que está vinculada a esta ruta xacobea dende a súa orixe, constituíndo así un lugar relevante que contaba cun hospital de peregrinos na aldea de Hospital.

Na actualidade, dita aldea conta cun Punto de Información ao Peregrino, onde cada día son moitos os camiñantes que se achegan para recibir unha atención detallada do traxecto a seguir antes de chegar ao seu destino final: Fisterra ou Muxía.

É evidente que o recoñecemento do camiño está dando os seus froitos, de tal xeito que podemos afirmar con orgullo, que a prolongación do camiño de Santiago a Fisterra, o cal posúe unha existencia histórica innegable, é hoxe unha realidade consolidada. Adotación de infraestructuras, albergues, a elaboración de guías, etc. contribuíron a que cada vez sexan máis os visitantes que se acheguen ás nosas terras.

Son moitos os visitantes que realizan o camiño por diversas motivacións, sen que estas sexan exclusivamente relixiosas. O camiño identifícase coa reflexión, a tranquilidade e o contacto coa natureza.

Por outra banda, o camiño serve para amosar e valorar o noso patrimonio, así como para axudar a mellorar a calidade de vida alí por onde pasa. Sendo unha alternativa para o desenvolvemento socioeconómico dos espazos rurais polos que transcorre.

Un claro exemplo témolo no noso concello, en concreto na parroquia de Olveiroa, que coa apertura no ano 2001 do primeiro albergue de peregrinos público (40 prazas), experimentou un gran cambio. Aínda que a gandeiría segue sendo a principal actividade económica, existe outro motor económico promovido polo camiño, o do turismo, dando lugar á creación de empresas de restauración e aloxamento, así como un punto onde informarse: o Punto de Información ao Peregrino de Hospital, que atende as solicitudes de información de peregrinos e visitantes habitualmente en tempada estival.

FOLLETO DO CAMIÑO DE SANTIAGO A FISTERRA-MUXÍA:

Os viaxeiros de hoxe en día leen blogs, escriben nos seus perfís sociais, interaccionan e comparten emocións e experiencias con futuros peregrinos.

Actualmente as opinións emitidas a través das redes sociais inciden nas decisións dun alto nivel de viaxeiros. Estamos ante un novo tipo de peregrinación que busca socializar, compartir e vivir experiencias auténticas. Comparten as experiencias que viven valorando a autenticidade. De tal xeito que a realización do camiño satisface as necesidades da nova demanda turística: a peregrinación do Camiño de Santiago-Fisterra

#DumbríaéCamiño #DumbríaéTurismo 

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑