Érica Domínguez Pais

OUTUBRO 2020

DATOS BIOGRÁFICOS

Érica Domínguez Pais naceu no lugar de Hospital, parroquia de Dumbría, en 2001.

Despois da súa etapa de escolarización en Infantil e Primaria no CEIP Santa Eulalia de Dumbría, continuou os estudos de Secundaria no IES Agra de Raíces.

Na actualidade é estudante do grao de Mestra de Educación Primaria na Universidade de Santiago de Compostela.

O seu interese pola lectura e a súa necesidade de expresarse levouna agora a escribir e publicar “Reflexións Confinadas”.

O LIBRO

Reflexións Confinadas

Título: Reflexións confinadas

Autora: Érica Domínguez Pais

Editorial: Círculo Rojo

Prezo de venda: 20€ (inclúe marcapáxinas de regalo)

ISBN: 978-84-1374-114-7


Para mercalo, podedes contactar coa autora a través dos seguintes medios:

SINOPSE:

A nova realidade por mor da crise do COVID – 19, xunto co futuro incerto que acompaña, fai que se barallen moitas opcións na nosa vida diaria. Respecto ao concepto de confinamento, este fai referencia a unha restrición, xa sexa voluntaria ou obrigatoria, do desprazamento das persoas que estiveron expostas a un contaxio e que, posiblemente se atopen ante un situación de contaxio. Durante este tempo, permanecemos nun lugar determinado ata que pase o transcurso de incubación da enfermidade, durante o cal, se debe garantir a asistencia médica, axuda psicolóxica, refuxio e alimento. E agora a cuestión, aprendemos algo durante o período que está durando esta pandemia? Mellorariamos nun futuro ou simplemente nos limitariamos a volver cometer os mesmos erros?

ENTREVISTA

1. Como xorde a idea de escribir Reflexións Confinadas?

“Escribir un relato moderno é unha tarefa minuciosa que require de traballo e de esforzo, pero iso si, é un labor gratificante que permite manifestar as ideas que se me pasan pola cabeza, dándome a opción de expoñerllas aos lectores e ás lectoras. A idea xorde debido a necesidade deixar transcendencia sobre certos aspectos relacionados coa situación que nos toca vivir. A comunicación é unha necesidade biolóxica da humanidade, por iso, dende que nacemos temos o desexo de realizar esa acción e, a medida que nos desenvolvemos, limitamos moito máis a súa expresión. É por este motivo que escribir se converte nun “deixarse levar” que conseguiu que cumprise un dos meus soños. Antes estas circunstancias entendín que escribir por pracer fai que se lle dea sentido ás palabras, aquelas que enfían frases y que constrúen historias, xa que son as inquietudes persoais as que me levaron a plasmar pensamentos sobre o papel”

2. De que trata a obra Reflexións Confinadas?

“Sen dúbida, a obra trata sobre a historia da pandemia que paralizou todas as nosas vidas. En decembro do 2019, produciuse un brote de pneumonía de causa descoñecida en Wuhan, provincia de Hubei, en China;  que, segundo se informou máis tarde, afectou aproximadamente a 60 persoas o 20 dese mes.  Segundo o centro chinés para o control e a prevención de enfermidades, o 29 de decembro, un hospital de Wuhan ingresou a 4 persoas con pneumonía que traballaban nun mercado desa cidade.  O hospital informou a un equipo técnico da cidade e iniciou unha investigación.  Este atopou máis casos relacionados co mercado e o 30 de decembro as autoridades sanitarias de Wuhan informaron dos casos para obter mostras destes pacientes.  O 31 de decembro, a 27 persoas diagnosticáronlles unha pneumonía de causa descoñecida, con 7 en estado crítico. A maioría destes casos eran traballadores do mencionado mercado. O 7 de xaneiro de 2020, os científicos chineses illaran o virus que causara a enfermidade e realizaron unha secuenciación do xenoma.  O 12 de xaneiro de 2020, as autoridades chinesas confirmaran a existencia de 41 persoas infectadas co novo virus, que comezaron a sentir síntomas que incluían febre, malestar , tose seca, falta de aire e insuficiencia respiratoria. Aínda que este é o asunto que nos confirmaron os medios de comunicación, o libro busca unha síntese máis fonda e persoal, coa finalidade de dar resposta ás cuestións que en numerosas ocasións nos pasaron pola mente.”

2. Dende cando escribes? Tes outras publicacións?

“Fai relativamente pouco tempo que escribo, porque comecei a practicar a escritura cando comecei a carreira que estou cursando. Non obstante, a realidade é que, na actualidade, escribo máis que nunca, case de forma compulsiva, tratando de rexistrar todas as vivencias, ideas e sentimentos que se me xuntan en cada un dos meus días. Téñolle medo ao esquecemento, e por iso me esforzo en deixar todo por escrito. En canto á segunda pregunta, aínda non teño outras publicacións, xa que a maior parte desas reflexións son aínda borradores que non decidín compartir, porque tampouco é preciso publicar todo o que se faga, e entender dita perspectiva, tamén é bo. O certo é que o abandono da escritura non é unha escusa nin ten perdón, pero moitas veces, a falta de produción escrita débese a novos descubrimentos que dan vida, é iso, tamén é moi necesario.”

3. Que significa para ti poder escribir e chegar a tantas persoas coa lectura e as letras?

“Para min poder escribir e chegar a tantas persoas significa esquecerme do medo a non volver sentirme libre. A liberdade é un amplo valor que se atopa entre os valores sociais, humanos, relixiosos e democráticos. Por iso forma parte de varias áreas de estudo e análise e é tan importante apoiar, asegurar e limitar a liberdade de cada persoa, que por esta razón forma parte dos dereitos humanos que son inalienables. Sentirse libre forma parte da natureza humana, máis alá da ausencia de liberdade absoluta, xa que as persoas están condicionadas polas súas propias capacidades e polo medio ambiente. Concluíndo, a escritura é capaz de facer que atope o meu sitio e loita por facerme sentir comprendida.”

4. A quen admiras como escritor ou escritora?

“Simone de Beauvoir, Concepción Arenal e Clara Campoamor foron e serán as miñas representantes da escritura feminina. Non obstante tamén me estou familiarizando con outras autoras e autores, como é o caso de Nuria Varela, Bridget Christie, Mercedes D´Alessandro ou Deborah Cameron. Xa no ámbito da educación, poño o meu foco de atención en César Bona, Jorge Marín, Augusto Iyanga ou Jaume Carbonell.”

5. Que consellos lle darías aos nosos veciños e veciñas de Dumbría para que leran máis?

“A lectura inflúe na mente e na vida de moitos xeitos.  Ademais, a nivel fisiolóxico, demostrouse que a lectura activa é capaz de aumentar a conectividade das súas neuronas. Mentres tanto, a nivel emocional aumenta a nosa capacidade para simular o estado mental doutros e sentir máis empatía e comprensión polos demais. Hai moitos beneficios para o hábito de ler, e podería describir un sen fin deles, pero o mellor consello que lles daría ás veciñas e ós veciños é que ler permite vivir novas experiencias, xa que é capaz de sentir emocións que quizais tardaría décadas en descubrir e axuda a sentir empatía polos personaxes cos que te identificas ao longo do  narración.  Pero, ademais diso, a literatura é en si mesma un gran simulador de realidade. É como unha máquina do tempo que de súpeto leva a diferentes situacións e tempos coas súas características e personaxes particulares.  Isto axúdanos a ser máis amables co resto porque nos ensina a ver o mundo dende outra perspectiva, tendo en conta as consecuencias das nosas accións. Tamén nos mostra a sinxeleza de virtudes como a bondade, a xenerosidade e a simpatía.”

6. Tes algún libro máis pendente de publicar?
Hai ideas novas rondando xa na túa mente?

“Unha resposta bastante curta para estas preguntas, porque ben é verdade que aínda non decidín se volverei publicar ou non. O que si que hai son ideas, dúas delas relacionadas co movemento reformador das mulleres e a última centrada na coeducación entre o alumnado.”

7. Que libro ou libros estás lendo neste momento?

“Neste momento estou lendo dous libros. O primeiro é “Maldita feminista: hacia un nuevo paradigma sobre la igualdad de sexos”, escrito por Loola Pérez, e o segundo leva como título “¿Para qué servimos los pedagogos?: El valor de la educación, con Miguel Ángel Santos Guerra como autor.”

8. Gústache ler en dixital ou prefires o papel?

“Sen pensalo dúas veces, eu prefiro ler en papel, porque é máis fácil aprender lendo textos en papel que aprender lendo textos nunha pantalla.  A causa son as dificultades no seguimento metacognitivo, que provocan unha maior sobreestimación do nivel de aprendizaxe, levando a unha insuficiente asignación de esforzo cognitivo.  En resumo, ler en medios dixitais lévanos a pensar que é máis fácil do que parece e atribuímoslle menos recursos dos que realmente precisamos, pero realmente, o medio dixital non favorece a un tratamento da información, porque, dende o meu punto de vista afecta negativamente á lectura e aprendizaxe.  Quizais o uso de medios dixitais para interaccións rápidas e precipitadas nos leve a repetilo cando lemos, pero a cousa non se queda aí, debido a que, tomar notas a man é máis eficiente que tomalas cun ordenador. As notas manuscritas adoitan ser máis elaboradas e estes resultados teñen importantes consecuencias para a educación. Introducir o uso abusivo das tecnoloxía dixital pode reducir ou dificultar a aprendizaxe. Quizais antes de optar directamente pola tecnoloxía, debido aos seus beneficios, deberiamos coñecer os efectos negativos para avaliar mellor os cambios, e optar deste xeito, polo uso dos materiais en papel.”

9. Que autor ou autora da Costa da Morte che gustaría recomendar?

“Recomendaría a Concha Blanco, María Canosa, Rafa Vilar e Estevo Creus, aínda que seguro que me quedan moitas escritoras e escritores por aconsellar e por descubrir.”

#DumbríaéCultura #DíadaBiblioteca

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑