Pepe do Fieiro

ENTREVISTA A PEPE DO FIEIRO: 13.03.2019

 – Sei que de neno ía coas cabras ao monte. Cando foi a primeira vez que subiu ao Monte Pindo coas cabras? Qué idade tiña? Qué lembra desa experiencia?

 – Non me recordo, pero seguramente sería no ano 1941-42, eu era neno e tería sobre uns 7 anos. Lémbrome que íamos os compañeiros do lugar, eles eran maiores que min. Pasábamos o día buscando polos tesouros que nos contaban os nosos avós, os que deixaran os habitantes do monte, os que se lles coñecían como “os mouros”.

 – Qué facía para pasar o tempo mentres estaba coas cabras no monte?

Xogábamos, vixiábamos as cabras e buscábamos as cabanas onde se refuxiaban durante a Guerra Civil.

 – Fíxolle algunha vez o remedio do “formiguiño” a algún animal?

– Non, eu non o fixen nunca. Pero recordo verllo facer aos veciños do pobo. Facíanllo ás vacas que tiñan unha enfermidade nas patas, nos cascos das patas. Mirábaselle primeiro se tiñan as chatolas das zocas cravadas nas patas, pero se non as tiñan e coxeaban, dicíaselle que tiñan o mal do “formighiño”. Levábase a vaca ao campo, arredor do casco marcábase, arrancábase nove veces o terrón onde estivo o casco da pata da vaca e púñase na lareira, para que fose ardendo pouco a pouco. Ao arder o terrón, a vaca curaba e deixaba de coxear.

 – Cómo foi a súa etapa de nenez? Cómo a recorda?

– Recordo unha época feliz porque no monte pasabámolo moi ben, aínda que non comíamos en todo o día porque marchabamos á mañá da casa e ata a noite non volvíamos. Enredábamos, brincábamos uns cos outros, saltábamos as pedras a ver quen subía máis alto …

– Nunha época na que estudar non era o habitual nin estaba ao alcance de calquera; por qué decidiu estudar maxisterio?

– Iso foi a raíz de haber quedado sen as cabras no monte, porque foron expulsadas pola forestal aproximadamente no ano 1950. Entón ao non poder coidar as cabras, mi padre díxome se quería ir estudar. Fun a Santiago estudar bacharelato e logo maxisterio. Escollín maxisterio porque me gustaba moito ensinar, gustábame ensinar aos rapaces.

– Seu pai atopou unha xerra no monte, que na actualidade está no Museo do Pobo Galego. Algunha vez atopou vostede un tesouro no Monte Pindo?

Non, que recorde eu non atopei nunca nada. Para min a xerra que atopou mi padre é un tesouro; unha xerra que foi construída antes do s.XV e que apareceu no ano 1950, cinco séculos despois.

– Quizais non atopou un tesouro; pero pode que dera cun descubrimento que poucos coñecen. Cál foi?

Si, esa cruz atopeina fai pouco tempo. Haberá un par de anos. Un día de casualidade, despois de arder o monte, porque esa cruz estaba tapada con maleza. Mi padre, que me ensinou moitas cousas do monte, nunca me falou desa cruz, así que el non debía saber dela.

– Encántalle subir ao monte, mellor acompañado que só e se é como guía mellor aínda. Cando foi a súa primeira vez como guía levando xente ao Monte Pindo?

– Si, só non me gusta ir. A primeira vez foi un verán que vin de vacacións estando en Londres, aproximadamente no ano 1980.

– Lembra algunha anécdota que lle pasara no monte a vostede ou con alguén?

– A primeira anécdota pasoume cando tiña aproximadamente uns 8 anos e estaba coas cabras no monte. Penso que era no verán, ese día fora mi padre e meu irmán ao monte, porque meu irmán atopara un filón de wolframio para ensinarllo a meu pai. Ese día estábamos no alto da moa, eles foran ver a mina que quedaba algo lonxe do alto da moa, cara Carnota, mentres eu quedaba coas cabras. Facía bo tempo, pero comezou a pechar de borraxeira e perdémonos as cabras e máis eu. No medio do camiño atopeime con meu pai e meu irmán, cando eu ía camiño de Carnota pensando que ía polo camiño da casa. Se non fora por eles seguramente iría dar a Carnota.

– Agora dedícase a facer vídeos en directo en facebook para transmitir as súas poesías sobre o Olimpo Celta, poesías que tamén soe ler nas rutas ao monte. Cando comezou a escribilas?

– Estas poesías comecei a escribilas, creo que foi no ano 2012. Como xa estaba na casa xubilado e non tiña moito que facer, comecei a escribir poesías sobre o Monte Pindo cun fin. Para que se recorden os nomes; para que os nomes se coñezan escribo versos explicativos co fin de que non se perdan. Aínda que estes nomes cambian segundo a xente sexa do Pindo, do Ézaro, do Fieiro,…

– Qué é o que máis lle gusta do Monte Pindo?

Do Monte Pindo gústame todo, pero en realidade o que máis me gusta do Monte Pindo son a Moa e Peñafiel. Tamén me gusta a Casa da Xoana porque moitos que van ao Monte Pindo non van alí. O que máis a Moa e Peñafiel porque son uns bos miradoiros, pero non podería escoller cal dos dous me gusta máis (risas).

– Por qué lle atrae tanto o monte? Por qué sinte esa paixón polo Monte Pindo?

Creo que foi porque o pasei ben cando fun de rapaz e porque coñezo todos os recunchos do monte, era o parque, a distracción que tiñamos.

– Qué é o que máis botaba en falta cando estivo emigrado no Reino Unido?

Cando estaba en Londres botaba en falta unha visita que lle debía facer a unhas eguas que tiña no monte. Cando viña de vacacións, que viña todos os anos no verán; o mes que traía de vacacións pasábao no monte coas eguas.

– Qué lle gustaría que cambiase no monte? E o que non cambiase?

Por unha parte, gustaríame que o monte volvera a como era antes. O monte encheuse de maleza. O máis triste para min foi ver o monte abandonado e logo queimado como está queimándose de vez en cando de poucos en poucos anos. Gustaríame ver o monte coidado e os sendeiros limpos.

Gustaríame que cambiase para que se conservase limpo, sen maleza.

– Cómo se imaxina o Monte Pindo no futuro?

– Ao paso que vai, será un bosque de maleza.

– Qué lle gusta máis: o Monte Pindo pola mañá, pola tarde ou de noite?

Gústame de calquera forma e en calquera momento. Gústame de día cando está despexado. Gústame pola mañá cando o sol sae e pola noite cando se mete o sol no mar, na posta de sol. Tamén me gusta ir de noite ver os fogos artificiais, na véspera do Apóstolo Santiago, pero ten que ser cando está a noite clara. No ano 2010, creo que foi cando fun por primeira vez ver os fogos do Apóstolo porque miña filla preguntoume si se verían e fomos velos con outros amigos.

– Cal é o seu soño? Qué lle gustaría facer? Qué lle gustaría ter feito?

A min o que me gustaría é ver os sendeiros limpos, para que os turistas poidan subir e baixar sen perderse.

– O seu currículo é extenso: foi cabreiro, mestre, limpador, guía, poeta e agora tamén un gran asiduo ás redes sociais. Vostede que viviu moitos cambios ao longo da súa vida e que está modernizado, qué é o que máis lle sorprende? O que nunca pensou que hoxe sexa unha realidade.

A min o asunto este do ordenador paréceme unha cousa milagrosa. Na década dos 50 falábase de que ía vir a televisión, que en España aínda non a había. Cando estaba estudando, unha profesora miña de literatura díxonos que algún día chegaríamos a andar co teléfono no peto … eu pensaba que cómo íamos facer co cordón? Penso que ela non chegou a velo, pero nós estámolo vendo.

– Cómo aprendeu a utilizar o ordenador? Ensinoulle alguén?

Aínda non o sei utilizar. Pero apunteime a un curso de ordenadores na Casa de Cultura do Ézaro e algo aprendín alí. Logo comprei un ordenador e fun probando na casa. Para o meu uso manéxoo o suficiente.

– E as redes sociais?

Non, non. Aprendín eu. “Clickes aquí e clickes alí”. O ordenador mesmo che vai guiando e vaiche explicando como hai que ir facendo.

Todo un persoeiro que ben paga pena coñecer… Graciñas pola entrevista e por colaborar co Concello de Dumbría sempre que precisamos contar con vostede!

Pepe-do-Fieiro-co-seu-libro-Foto-Raquel-Castro-Rodriguez

Pepe do Fieiro: o Neno que soñaba coa montaña:

ENTREVISTA EN VÍDEO:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: