Casas

As vivendas anteriores ao século XX estaban construidas con mampostería de pedra ao descuberto que lindaban co curro, un espazo cuberto con toxos coñecido como cañeiras que daban acceso á casa principal a través dunha ou de dúas portas de madeira con media folla. As ventás eran de pequenas dimensións e, a maioría das veces,sen cheminea para a saída do fume da lareira.

Normalmente tiña algún tragaluz a media altura que, mediante unha rampa de madeira, servía de entrada e saída ao galiñeiro. Tamén soían ter, empotradas nos seus muros, lacenas-colmeas para as abellas. Non tiñan luz eléctrica nin aseos internos.

A cociña estaba formada pola lareira, co seu forno de pedra, a veces unha despensa e lacenas empotradas no muro. A pía de lavar a louza era de pedra e estaba sempre pegada á ventá da cociña.

Destacaba tamén a cuadra na que se separaban as crías dos animais adultos. Na pranta alta, con chan de madeira, tamén coñecido como o sobrado, estaba a habitación matrimonial, case sempre situada sobre a cuadra para recibir a calefacción animal. Tamén estaban as outras habitacións máis pequenas divididas con taquiques de madeira.

Con relación ás casas no Concello de Dumbría, cabe falar de:

  • A Casa da Familia Leis, na parroquia de Santa Baia de Dumbría, destaca principalmente pola súa fachada asoportalada con arcos de medio punto rebaixados e con dez fiestras na planta superior.
  • A Casa de Cándido ou o Pazo de Vista Alegre, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca por ser unha construcción de carácter pacego do s.XVIII.
  • A Casa do Leiteiro, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca por posuír un reloxo de sol feito en cantería que se sitúa na esquina da edificación, así como un escudo de armas de catro cuarteis na fachada principal e unha chimenea de grandes proporcións.
  • A Vivenda en Dumbría, na parroquia de Santa Baia de Dumbría, destaca por ser unha casa tipicamente coruñesa, na que o mundo rural e o urbano danse a man.
  • A Casa da Vacariza, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca pola súa fachada. A porta de entrada aparece lixeiramente desprazada do centro e sobre ela colócase unha fiestra con lintel moldurado e con decoración a base de bolas. Ao seu carón, outra fiestra, esta de dobre aquivolta. Entre elas, hai un tríptico labrado na pedra que representa tres figuras de animais.
  • A Casa de Sendón, na parroquia de Santiago de Berdeogas, destaca pola súa transformación a través das influencias que recibe da arquitectura culta, as fiestras, os balcóns e os miradoiros.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑