Pontes

Se ben Galicia é coñecida como a terra dos mil ríos, o Concello de Dumbría tamén é un municipio no que as súas arterias son de auga doce.

Atendendo á súa definición, unha ponte é unha construcción que permite salvar un accidente xeográfico, como pode ser un río, un canón, un val, unha estrada, un camiño,… O deseño de cada ponte varía dependendo da súa función e da natureza do terreo sobre o que se constrúe.

O río principal do Concello de Dumbría é o coñecido como Río Ézaro ou Río Xallas. Con a penas 60 km, é o río de Galicia máis aproveitado para a producción de electricidade. De feito, nos seus últimos quilómetros de percorrido, conta con catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía.

En canto ás pontes, son varias as que existen no termo municipal, entre as que caben destacar:

A Ponte da Ponte Olveira: datada nos séculos XVII e XVIII. Construída con perfectas pezas de cantería de granito, salvando o curso do río por medio de tres arcos de medio punto con 12 metros de luz e uns 7 metros de altura na parte máis elevada. Posúe catro tallamares triangulares situados a favor e contra corrente. O taboleiro ten un ancho de pouco máis de 5 metros, sendo substituído o orixinal por un de formigón para poder asfaltar a estrada. Foi escenario dunha encarnizada batalla coas tropas napoleónicas e é o punto de entrada dos peregrinos ao concello.

Ponte A Ponte Olveira

A Ponte do Ézaro: a construcción da ponte xorde como consecuencia dun fatídico suceso acontecido en xaneiro de 1902 ao falecer 23 persoas afogadas ao envorcar a barca na que cruzaban este tramo do río. Foi moito máis tarde, en setembro de 1951, cando se inaugurou a Ponte do Ézaro. É unha obra de cantería en ámbolos dous estribos, sustentados sobre cimentos que superan os 25m de profundidade. É aquí onde o río Ézaro ou Xallas deixa de ser río para convertense en mar, no Océano Atlántico.

A Ponte Vao de Ripas: situado sobre o Rego Hospital é paso obrigado para os peregrinos de Santiago a Fisterra-Muxía; concretamente está situado entre Olveiroa e O Logoso. ( Coordenadas: 42.968918, -9.063190 )

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Blog en WordPress.com.

Subir ↑