Dolmens

Un dos monumentos máis espectaculares da época megalítica compóñeno os dolmens, que son un tipo de monumento funerario. Soen estar formados por grandes lousas de pedra verticais que sosteñen unha horizontal a modo de teito e que recibe o nome de lousa cuberta. A maioría destes monumentos son tumbas colectivas onde se enterraban aos difuntos dos poboados veciños xunto a un discreto enxoval.

No Concello de Dumbría existían tres dolmens importantes, pero dous deles foron destruídos. O que se conserva é coñecido como “Dolmen de Pedra da Arca” ou “Dolmen de Regoelle“, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Ten forma poligonal cun corredor de entrada orientado ao SE. A cuberta ten unhas dimensións de 4,7 x 3,1m.

Segundo un estudo realizado por un equipo alemán, a cuberta foi traída, non se sabe cómo, do lugar de Brandoñas, situado a uns 5,5 km do lugar.

Dos dolmens destruídos, o coñecido como “Dolmen do Lousado” estaba situado na parroquia de Buxantes. Aparece reseñado no libro de “Xeografía Xeral do Reino de Galicia” do ano 1920 e foi destruído no ano 1996 pola prantación de eucaliptos. O outro, o coñecido como e “A Boudañeira”, estaba situado ao sur do lugar do mesmo nome, na parroquia de Olveira. Polos vestixios atopados, pénsase que formaba parte dun santuario relixioso, semellante ao de Stonehenge, en Inglaterra.

Fonte de información: “El ayuntamiento de Dumbría. Historia, tradiciones y costumbres” de Modesto García Quintáns.

#DumbríaéTurismo #DumbríaéHistoria #DumbríaéCultura #DumbríaéMegalitismo

 

Blog en WordPress.com.

Subir ↑