🗺 Marco do Couto – ED

Situada no límite entre as parroquias de Buxantes e Dumbría, esta histórica encrucillada de camiños sitúase no Camiño de Santiago a Fisterra.

Antigamente era o límite xurisdicional entre os territorios do Mosteiro de San Martiño Pinario e os dos condes de Altamira, no chamado Couto Redondo. É  tamén o punto no que se cruzan o Camiño de Santiago a Fisterra e o que empregan os veciños de Buxantes para ir de romaría á Nosa Señora da Barca de Muxía.

Explora Dumbría – Marco do Couto – Dumbría

Nesta área destacamos especialmente o cruceiro do Marco do Couto. Este elemento patrimonial está formado por un cruceiro con escaleira, pedestal e varal cilíndrico. Na súa cara principal pódese observar a Xesucristo Crucificado e no reverso atópase a figura da Piedade.

É un costume habitual que os peregrinos que van de Camiño a Fisterra depositen na base do cruceiro flores e pedras e, en ocasións, outros enxovais a modo de ofrenda. Unha práctica, cando menos, cuestionable.

Moi preto do cruceiro hai unha pedra gravada cunha “C” e una “R” que pode facer referencia ao Camiño Real.

Toda encrucillada de camiños en Galicia está envolta nese halo de misterio, de sitio máxico onde a morte, o máis alá e a unión entre o mundo dos vivos e o dos mortos están sempre moi presentes.

Recomendámosvos visitalo tamén nun día deses de néboa, tan habituais nestas terras, no que quizáis teñades oportunidade de ver o Vákner. Quen sabe? A atmosfera é a propicia.

#ExploraDumbría #DumbríaéTurismo #MarcodoCouto #TerritorioVákner #Dumbría #Buxantes #CamiñodeSantiago #Camiño #DumbríaéCamiño

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑