Cruceiros e cruces

Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos.

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas. Está intimamente vencellado á paisaxe rural galega. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, como por exemplo Irlanda onde se chama high cross, tamén en Francia, Alemaña e Gran Bretaña hai cruceiros.

As principais funcións dos cruceiros son: a santificadora de camiños, a protectora de sinistros, a conductora de peregrinos, o descanso para camiñantes, a anunciadora da proximidade a santuarios, a comemorativa de acontecementos históricos, etc.

As partes dun cruceiro son ser: a cruz (co anverso adicado ao Cristo crucificado e co reverso á Virxe), o capitel, o fuste, o pedestal e a plataforma (a parte inferior do cruceiro, composto de varios escalóns).

No Concello de Dumbría abundan os cruceiros e as cruces. A continuación expóñense por parroquias os que se conservan na actualidade:

  • Parroquia de Berdeogas: Cruceiro da Grixa, Cruceiro da Pedriña e Cruceiro de Cándido.
  • Parroquia de Buxantes: Cruceiro do Marco do Couto, Cruceiro da Fonte Santa, Cruceiro de Figueiroa, Cruceiro do Campo de Buxantes, Cruceiro da Porta da Igrexa e Cruceiro do Cemiterio.
  • Parroquia de Dumbría: Cruceiro da Grixa, Cruceiro das Herbas, Cruz de Cheo e Cruz de Laureano.
  • Parroquia do Ézaro: Cruceiro de Santa Uxía, Cruceiro da Igrexa do Ézaro e Cruz de Pao.
  • Parroquia de Olveira: Cruceiro da Grixa, Cruceiro de Vilar, Cruz do Logoso e Cruz Vao de Ripas.
  • Parroquia de Olveiroa: Cruz do lugar de Olveiroa e Cruz da Pontella.
  • Parroquia de Salgueiros: Cruceiro do lugar de Salgueiros e as catro cruces arredor da igrexa.

Fonte: “El ayuntamiento de Dumbría. Historias, tradiciones y costumbres” de Modesto García Quintáns.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑