🗺 Pedra do Brazal -ED

O granito forma parte do carácter de Dumbría. Así o demostra o carácter caprichoso da natureza á hora de crear esculturas que retan ao vento mentres manteñen un perfecto equilibrio. Exemplo de capricho natural é a Pedra do Brazal, tamén coñecida como Pedra Cabalgada.

Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía e Director do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, mantén que se trata dun magma granítico que fai 330 millóns de anos ascendeu á superficie da terra e que ao arrefriarse transformouse en rocha, deténdose a 24km de profundidade.

Dende entón a erosión realizada pola chuvia, o vento e os ríos foi levando a terra e as rochas que a cubrían, ata que fai 200 millóns de anos viu por primeira vez a luz do sol. Foi un ascenso lento, a unha velocidade de 5 centímetros por ano, o equivalente ao tamaño dun limón por ano.

Explora Dumbría na Pedra do Brazal – Buxantes – Dumbría

A Pedra do Brazal foi quen de soportar a furia das catástrofes naturais como a chuvia, o vento e os terremotos. Ten unha superficie mínima de apoio de 0,5m de radio soportando un peso de máis de 150 toneladas (algo así como o peso de 15 elefantes africanos… case nada). Na parte superior ten concavidades (pías); algo moi característico do granito en Galicia. A súa forma en capas horizontais débese ao rozamento da rocha cando ascendía dende os 24km de profundidade cara a superficie da terra.

A modo anecdótico, comentar que o trofeo que gañou Joaquím Rodríguez “Purito” tras facerse co título da décimo segunda etapa de La Vuelta 2012 foi unha réplica deste capricho da natureza, obra creada polo escultor, afincado en Carnota, Nacho Porto.

#DumbríaéTurismo #DumbríaéNatureza #ExploraDumbría #PedradoBrazal #PedraCabalgada

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑