Xaime Trillo

Abril de 2017

DATOS BIOGRÁFICOS:

Xaime Trillo (Bustelo, Dumbría, 1974)

Traballou de vendedor, freganchín, camareiro, na obra civil e de traballador forestal. 
Actualmente está no paro.
Foi membro do colectivo BLAS ESPÍN e do BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE.  Publicou poemas nos libros colectivos Nós (1997) e  Rumbo ás illas (1997), así como nas revistas FEROS CORVOS e ESPRESSO-M
Dende hai catorce anos forma parde do COSAL-Costa da Morte.Anatomía da ira (Caldeirón, 2016) é o seu primeiro libro de poemas que ve a luz.

1.- Como xorde a idea desta primeira obra?           

É no verán do 2012, cando Pepa Fandiño, nese momento concelleira de cultura do concello de Cee, me chama para que participe no Agostiño cultural. Eu levo anos escribindo os poemas de Anatomía da ira, cos que participo en actos do COSAL-Costa da Morte, do que son membro, e nos da Organización Feminista BUSERANA; pero é a partir do Agostiño cultural cando decido darlle forma de libro.

2.- Canto tempo  hai que escribes?           

Con trece anos xa facía poemas. O que pasa é que cando abandonei o Batallón Literario deixei de escribir e estiven bastante tempo sen facelo. Pero nunca deixei de ser poeta.

3.- Como te sentes, xa que todo é novo para ti: presentacións, entrevistas,… ?           

Pensaba que sería con normalidade. Mais logo encontro que hai lectoras que descobren nos meus versos cousas que eu non sabía, ou das que eu non me daba conta, e, claro, fascíname. Nunca perdemos a capacidade de abraio.

4.- Cóntanos que nos imos atopar en Anatomía da ira? 

É un libro que xorde da necesidade de conxurar a infamia. Eu son militante do COSAL-Costa da Morte. E iso significa que estou moi exposto a certas cuestións: a causa palestina, a situación da muller no mundo, das multitudes asoballadas polo poder, e a cólera aflora no que escribo. É un libro político, incardinado na tradición da poesía galega internacionalista, que nos anos 70 do pasado século deu poemas espléndidos, coma o Vietnam canto de Novoneyra, o Sirventés pola destrución de Occitania, de Ferrín, e o Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.

5.- Que é para ti a poesía, e que che aporta a nivel persoal escribir? 

Non é doado dar unha resposta. Tal vez sexa atracción polas palabras e a necesidade de expresar con elas todo o que nos asombra. A nivel persoal, teño a satisfacción de estar facendo un traballo útil. Aínda que ese traballo, a nivel social, se valore máis ben pouco.

6.- A quen admiras como escritor ou escritora?           

Hai autoras e autores que me veñen acompañando dende que era un cativo. Rosalía, Neruda, Whitman… Máis tarde sumáronse outras. Algunhas están na miña máis profunda predilección. Falo de Pimentel, Cernuda, Cunqueiro, Safo, Gamoneda, Ferrín, Lorca, Eugénio de Andrade, Vallejo, Celán, Valente, Martín Códax, Machado, Eliot, Dylan Thomas, María Mariño…            Tamén, as últimas xeracións do país nosos agasalláronme con poemas enormes de Pilar Pallarés, Lois Pereiro ou Olga Novo.

7.- Que lles dirías á veciñanza de Dumbría para que lesen máis?           

Que os libros son fundamentais para saber quen somos. Todo o saber acumulado a través do tempo está dentro dos libros. Neles latexa a condición humana. Fannos mellores. E a nosa capacidade cognitiva mellora coa lectura.

8.- De que tratará a t úa seguinte publicación?           

Hai un novo libro de poemas ao que xa lle puxen o ramo, e que versa sobre a resistencia.

9.- Que libro hai na túa mesiña de noite?           

Se te refires ao que estou a ler agora, estou con No tempo de Follas Novas, un ensaio sobre autoras e autores de todo o mundo contemporáneos de  Rosalía de Castro. Está coordinado por Pilar García Negro.

10.- Gústache ler en dixital, ou prefires o papel?

Prefiro papel. O que pasa que as tecnoloxías son moi dinámicas, e hai libros que antes eran inencontrábeis e agora xa non o son. Antes, cando eramos adolescentes, había textos aos que non podiamos acceder. Agora, se estás conectado, podes. E ademais tes outros soportes para publicar. Este é un logro da internet.

Unha opinión sobre “Xaime Trillo

Add yours

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: