Natalia Lema Otero

Neste mes de maio no que celebramos o Día das Letras Galegas, queremos achegarvos a figura da vimiancesa Natalia Lema, precoz e prolífica escritora e, dende ben cativa, devoradora de todos cantos libros caían nas súas mans.

Agradecemos a súa participación na conversa literaria A muller e as Letras en Galicia, celebrada o pasado venres 19 de maio de 2023 na biblioteca de Dumbría – O Conco.

DATOS BIOGRÁFICOS

Natalia Lema Otero leva escribindo e publicando dende os dezaseis anos. O seu primeiro libro, Baos, fala da diáspora producida polo encoro da Fervenza hai máis de medio século. O seu segundo libro, Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte, é un manual que afonda nos perigos intrínsecos do sector primario, especialmente os envorcos de tractor e os accidentes por atrapamento con toma de forza.

No 2021, editou o seu primeiro poemario, Do amor e o delirio, con prólogo de Xusto López Carril.

Ten o recoñecemento de honra do Club Rotary Interact de Fernández (Arxentina) polo seu activismo a prol da erradicación da enfermidade da polio.

É columnista de La Voz de Galicia na edición de Carballo.

Premios:

  •  1º Premio Avelino Díaz (2017 e 2019)
  • 3º Premio Avelino Díaz (2018)
  • 1º Premio Terras de Chamoso- Poesía (2017)
  • 1º Premio do XXV Certame de Poesía Concello de Cambre (2018)
  • Membro de Honra do Club Rotary Interact de Fernández (2017)
  • Premio Literatas (2019)
  • 1º Premio Territorio Vákner: Contos de misterio no Camiño (2022)
  • Áccesit V Premio Avelino Díaz (2022)
  • 1º Premio Terras de Chamoso-Poesía (2022)

ENTREVISTA

  1. Como xorde en ti a idea de escribir? Desde cando o fas?

Dende sempre, gustoume escribir, dábaseme moi ben na escola en contraposición cas matemáticas, o sistema poliédrico, a música e todo aquilo que fose máis técnico. No ano 2016, unha pequena editora de Valencia doume aoportunidade de publicar un libro, mandei un pequeno escrito sobre a aldea somerxida por un encoro de meus avós e foi un éxito.  A partir de aí, presenteime a certames e ata hoxe.

2. Tes feito algunha publicación? Fálanos un pouco delas, por favor

Teño tres libros publicados, un en autoedición e dous con editoriais. O primeiro foi o conto do que falaba antes, que narra a historia vivencial de meus avós dende a perspectiva dunha moza de 16 anos. O segundo libro, autoediteino cando tiña 17 e é un breve manual de cen páxinas que fala dos perigos do sector primario, especialmente os accidentes de tractor, ben sexa por toma de forza ou envorco.

O meu último libro, publiqueino hai dous anos e é un poemario, Do amor e o delirio.

3. Que significa para ti poder escribir e chegar á xente coa lectura e as letras?

Para min é unha terapia inverosímil, espirse e darse o luxo de sentirme vulnerable ante os demais. Sempre vou ser mellor lectora ca escritora, téñoo moi claro. Dun lado ou doutro, a literatura échenos de coñecemento, lévanos a mundos impresionantes dende o minúsculo dun libro e fainos libres. Os meus mellores amigos sempre foron os libros, e con iso non pretendo deshumanizar as grandes amizades que conforman a miña vida. Simplemente que ler e escribir son unha forma de coñecemento e autocoidado, que incide directamente na nosa saúde mental. Os libros son eses agasallos que se poden abrir unha e outra vez e de cada vez, a experiencia vai ser diferente sempre.

4. Queres falarnos dalgún premio literario, ou feito relacionado coas letras?….

Todos os recoñecementos son especiais, non pola suba de ego que poidan producir, senón pola xente que coñeces. Resulta enriquecedor aprender dos compañeiros, coñecer os organizadores e a tanta xente que loita día a día pola cultura do país. Poucas veces podo asistir a entregas de premios, por motivos familiares e de traballo. De todos os premios que recibín, só asistín a entrega do Premio Vákner e o de Literatas. O primeiro que nomeo pareceume un soño feito realidade porque non esperaba un resultado tan positivo, creo que había moito nivel e tiven moita sorte. Tanto o segundo traballo premiado como o terceiro eran moi bos, e coñezo dende hai tempo a calidade literaria de Carmen e Félix. O segundo, o premio Literatas, foi un pulo de ánimo para min. Levar o premio con Lupe Vázquez pola miña traxectoria fixo que fose un dos días máis felices da miña vida porque me emocionei moito cando llo dediquei a meus avós e a Montse, a muller que acababa de sufrir unha agresión machista en Vimianzo.

5. A quen admiras como escritor ou escritora?

Adoro a García Márquez e Luís Sepúlveda. Se un día teño que morrer quero facelo recitando a Cien años de Soledad: “Estaba escrito no libro de Arquímedes que o primeiro dos Buendía morrería debaixo dun castaño e o último devorado polas formigas”. Paréceme un final inesperado e apoteósico. Españois, Reverte e Ildefonso Falcones. Creime nun lugar sen nenos e pasaba moito tempo soa.  José Emilio Pacheco, Bronte, Dickens ou Cela tamén son libros de cabeceira. Da Costa da Morte, lin polo menos unha obra da meirande parte dos autores e podo dicir que son excelsos e dunha gran calidade, oxalá un día chegar a ese nivel.

Manuel Rivas cautívame na poesía, tamén Carlos Negro, en Masculino singular.

Con autoras, que tamén hai moitas mullerazas na escrita, quédome con Emma Pedreira ou a sensibilidade de Ainhoa Conde. Mari Carmen Rey Nuñez é unha máquina na prosa.

Marilar Aleixandre paréceme unha precursora, libros como A cabeza de medusa deberían lerse de forma obrigatoria nos colexios. Creo que nos eloxiamos pouco entre nós para o moito que o merecemos. Teño predilección cas novelas corais, por iso gústame moito como escribe Manuel Iglesias Turnes e Carvalho Calero.

6. Que consello lle darías á veciñanza para que lea máis?

Empezar polo xénero que nos guste. Quitar a vergoña e non pensar que os libros non son para nós. Hai un libro para cada persoa, moitas veces dende a idade máis precoz tendemos a avergoñar os nenos con unha comprensión lectora máis lenta, é un erro moi grande. A xente hai que incentivala, non cohibila. Moita xente dicíame que, con Baos, empezara a volver a ler con asiduidade, para min era toda unha motivación e alegría.

7. Que libro ou libros estás lendo neste momento?

Moitos, primeiro estou lendo a Alejandro Palomas, Esto no se dice. Tamén estou a piques de comezar a biografía de Pérez Rubalcaba, chámame moito a atención como político. O que máis me ten en vilo é Muchas vidas, muchos maestros, do psiquiatra Brian Weiss, teño moitos prexuízos co libro.  Se fora certa a súa sipnose, o mundo sería máis idílico e fermoso.

8. Gústache ler en dixital ou prefires en papel?

Ambos, pero prefiro papel, canto máis vello mellor. Opto por comprar moitos dos libros en librarías de segunda man, nada mellor que o cheiro a celulosa antiga. Comprei hai anos un libro de Antonio Gala que lle firmara a súa asistenta por un prezo irrisorio. Algún xoia máis dese tipo conservo.

9. Que autor ou autora da Costa da Morte che gustaría recomendar?

Miro Villar, paréceme un poeta exquisito e tremendamente humilde, sempre apoiou os meus traballos e artigos dende o comezo, cando ninguén me lía. Ademais, ten unha escrita impecable

OS LIBROS

Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte
Do amor e do delirio

#DumbríaéCultura #BibliotecasdeDumbría #LetrasGalegas

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑