Industria

O patrimonio industrial é, segundo o International Committee for the Conservation of the Industrial Heritage, o conxunto de restos da cultura industrial que posúen un valor histórico, tecnolóxico, social, arquitectónico ou científico; tales como: edificios, maquinaria, talleres, fábricas, almacéns…

En concreto, no Concello de Dumbría, cabe destacar a presenza das centrais hidroeléctricas situadas a carón da Fervenza do río Ézaro, que serpentea o concello ata acadar a desembocadura no atlántico, nese punto de especial fermosura: a Fervenza do Ézaro.

ENCOROS

No Concello de Dumbría só existen encoros no río Xallas-Ézaro. Este río, conta na actualidade con catro encoros cuxa principal función é a de controlar o caudal do río para o funcionamento das centrais hidroeléctricas e como abastecemento de auga para outros concellos da zona.

  • Encoro da Fervenza: é un dos máis importantes da provincia da Coruña. Abrangue terreos dos concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Foi construido en 1967.
  • Encoro da Ponte Olveira: situado a uns 600m ao sur do lugar de Olveiroa, foi construido en 1966.
  • Encoro de Castrelo: atópase a uns 600m ao sur do lugar de Brazal (Buxantes). As augas deste embalse son conducidas mediante un canal de 6,8km e 11 túneles ata a central do Pindo. Foi finalizado en 1954 e a súa construción foi moi tráxica para a zona, falecendo moitos obreiros debido á enfermidade da silicose.
  • Encoro de Santa Uxía: localízase no lugar de Santa Uxía. Foi rematado en 1989.

CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS

Ainda que ao longo do cauce do río Xallas-Ézaro existen varias centrais hidroeléctricas, cabe falar de dúas en concreto pola súa arquitectura e antigüidade.

  • Central Hidroeléctrica del Pindo: situada a carón da Fervenza do Ézaro, foi construida en 1903. No seu día, parte do edificio albergou un Centro de Interpretación da Electricidade que a día de hoxe está pechado.
  • Central Hidroeléctrica de Castrelo: situada a carón da Fervenza do Ézaro, foi construida durante a primeira metade do século XX.

FACTORÍA FERROATLÁNTICA

A Factoría Ferroaltántica está situada no lugar coñecido como “Barro Branco”. Adícase á fabricación de ferrosilicio e ferromanganeso. Comezou o seu funcionamento no ano 1978. Autoabastécese da enerxía eléctrica producida polas centrais hidroeléctricas situadas no cauce do Río Xallas-Ézaro.

FÁBRICA “PIENSOS DUMBRÍA”

A fábrica “Piensos Dumbría” está situada a uns 500m ao sur de Olveira e pode considerarse unha das máis importantes da comarca na fabricación de pensos. Foi creada polos irmáns Pérez no ano 1987.

INDUSTRIA EÓLICA

O territorio de Dumbría conta con varios parques eólicos a pleno rendemento.

ESTACIÓN DE RADAR

Situado a uns 2.000m ao sur do lugar de Sarteguas (Berdeogas) está a antena-radar de seguimento marítimo de Fisterra. Ten unha altitude de 530m sobre o nivel do mar e pode considerarse “o balcón da Costa da Morte”. A súa vista abrangue os montes de Malpica, Corme, Laxe, Camelle, o Faro Vilán de Camariñas, os montes de Touriñán, o Cabo Fisterra, os montes de Buxantes, o monte Pindo, a serra do Barbanza, o encoro da Fervenza, o val de Terra de Soneira, a comarca do Xallas e os montes da Ruña en Mazaricos.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑