
Rebeca naceu e vive en Santa Uxía.
É unha das grandes voces que temos en Dumbría. É unha apaixonada da música tradicional. Paixón que comparte co seu irmán, Samuel, que é un grandísimo bailador, como xa o era tamén o seu avó.
Desde os cinco aniños e ata o 2017 formou parte da escola de música e baile tradicional da ACR As Neves de Buxantes. Alí era unha das cantareiras do grupo Mar Adentro, formado por rapaces e rapazas de Dumbría. E antes diso, recorda que con Lurdes, a súa mestra na escola unitaria de San Crimenzo, xa empezou a dar os primeiros toques na pandeireta.
En 2015 incorporouse ao grupo dos Gaiteiros de Buxantes (tocando o tambor), que, á súa vez, forma parte da banda Invernía.
Rebeca tamén canta no grupo de pandeireteiras de Invernía, Folerpas.
Acompaña aos coros a Sés nos seus traballos e concertos desde 2017.
E colabora ocasionalmente co cantautor vimiancés, de nai dumbriesa, Serj.
No campo académico, Rebeca é graduada en Terapia Ocupacional pola Universidade da Coruña. Cursou tamén un máster en Xerontoloxía, do cal se atopa actualmente rematando o TFM.
Ben seguro que é complicado organizarse para facer tantas cousas a un tempo!
XOTA DE SANTA UXÍA.
Rebeca Rama interpreta aquí a Xota de Santa Uxía.
Imposible facelo con máis sentimento, máis bonito e mellor cantado!
Esta Xota de Santa Uxía foi recollida a principios dos 2000 por Álex Insua, profesor da asociación As Neves, a veciños de Santa Uxía, As Covas e San Crimenzo.
Na asociación foi onde a aprendeu Rebeca, xa que o Grupo Mar Adentro foi o encargado de poñerlle a música á interpretación do baile por parte do grupo de rapaces e rapazas maiores da mesma asociación, Furacán.
Redes Sociais de Rebeca: Instagram Facebook
Deixámosvos aquí o enlace para poder ler a entrevista que Santiago Garrido lles fixo a Rebeca e Samuel para La Voz de Galicia.
Deixar unha resposta