Imaxinas confiar a túa vida e saúde ós poderes milagreiros dunha bañeira de zinc e unha máquina de cortar o pelo?
En marzo de 2020 viámonos inmersos nunha situación nova para nós. Unha pandemia mundial provocada por un coronavirus que nos confinaba nas nosas casas, sen poder saír máis que para o esencial.
Unha pandemia que, aínda hoxe, nos obriga a vivir baixo medidas extraordinarias de prevención.
Quen nos ía dicir días antes que teriamos que depender dunha máscara, ou de poñer distancia polo medio, para poder falar co veciño da porta?
Non foron poucas as veces que escoitei neste tempo: “todo nos pasa a nós” . Pero o certo é que nos pasa a nós e tamén aos demais.
O das grandes pandemias non é nada novo. Os nosos devanceiros xa tiveron que enfrontarse con elas. Pasou aquí, si, e non fai tanto tempo.
Imaxinades ter que enfrontarnos coa covid-19 cunha bañeira de zinc e unha máquina de cortar o pelo como únicas armas?
Pois en 1918, en Dumbría, ocorreu algo así.
Mergullándonos nos arquivos do Concello, e rescatando os libros de actas de sesión dos plenos da Corporación municipal dese ano, atopámonos cun dato que nos dá boa conta dos escasos recursos cos que se contaba para superar situacións similares á actual.
O 11 de xuño de 1918 recibíase na alcaldía de Dumbría unha circular na que o Ministerio de Gobernación instaba ao Concello a montar un servizo de vixilancia e defensa sanitaria, indicándolle que, “ante todo”, debían mercar unha bañeira de zinc e unha máquina de cortar o pelo. Xa daquela a hixiene debía considerarse fundamental para previr a enfermidade.
Todo isto viña provocado pola persistencia do “tifus exantemático” (enfermidade do piollo verde) en Portugal e a aparición de casos en España.
Seguindo estas indicacións, o Concello, despois de reunirse a Corporación o día 15 dese mesmo mes, fixo tales compras.
A bañeira, xunto coa máquina de cortar o pelo (manual, non eléctrica, como imaxinaredes), ían ser a súa defensa ante a epidemia de tifo que se achegaba. Custaron centro trinta e sete pesetas.
Pero esa enfermidade non viría soa, posto que, nas actas das sesións ordinarias do 28 de decembro dese mesmo ano e do 8 de febreiro do ano seguinte aparecen referencias aos gastos que o Concello debe afrontar para “socorrer y suministrar medicamentos a los pobres del Distrito atacados por la última epidemia grippal”. Nisto investiron duascentas sesenta e tres pesetas.
Así que, con catrocentas pesetas, e a resignación por bandeira, enfrontaron os nosos o que lles viña enriba: tifo e gripe, todo nun.
Como vedes, a crise sanitaria que está provocando a covid-19 non é a primeira que sofre a nosa terra, nin, lamentablemente, ha ser a última.
Os avances científicos cos que hoxe contamos aquí tampouco teñen nada que ver cos de fai cen anos, afortunadamente. Aínda que, ben pensado, a situación non é tan distinta a aquela, aínda hoxe, se nos desprazamos a algúns lugares do planeta.
Imaxinades que cifras de mortalidade podería ter alcanzado esta pandemia se os medios seguisen a ser os mesmos?
Toca pois, ser positivos e fortes. Toca ser responsables e confiar que a ciencia, moito máis avanzada hoxe, sexa quen de vencer o inimigo.
Cómpre igualmente, de vez en cando, botar unha ollada ao pasado para non esquecelo, para aprender del e para poñer en valor os méritos dos que nos precederon e valorar os avances que se foron logrando.
Xuntos habemos superar isto, tal e como se fixo sempre.
Iso si, desta vez, contando con algo máis que cunha bañeira de zinc.
Ana Casais. Técnica de Cultura do Concello de Dumbría.
Deixar unha resposta